A Chamada das Mulleres a un Sacerdocio Renovado

A Chamada das Mulleres a un Sacerdocio Renovado

DUBLÍN 2001

Christina Moreira

Chegou o tempo de celebrar

“Pretenden que o debate está pechado. Creo que mais lles valera conectar o seu aparato auditivo.”

Con estas palabras abría unha fermosa conferencia Mary McAleese en 1994 (1). Tómollas prestadas para iniciar este artigo e intentar presentar algo do que supuxo a Conferencia Internacional de Dublín do 29 de xuño ó 1 de xullo pasado, a primeira do seu xénero. Eramos 370 persoas de todo o orbe (6 continentes). Alí, na Universidade de Dublín da Eire, Irlanda libre, celta e católica a rabiar, ”, desobedecendo todos e todas con seriedade e plena conciencia, escoitouse alto e libre este berro “Deus da xustiza, Deus do amor, acóllenos a todos na túa chamada universal. Participamos nunha celebración magna : “A celebración da chamada a un sacerdocio renovado na Igrexa católica”. Estaba convocada por WOW (Women’s Ordination Worlwide) asociación internacional que está a promover a ordenación das mulleres dende 1996 e que agrupa as diferentes asociacións que loitan por esta causa en numerosos países no seo da Igrexa Católica. Exerceu o papel de anfitrión un grupo irlandés chamado BASIC (Brothers an Sisters in Christ/ Irmáns e Irmás en Cristo), dedicado a traballar e rezar pola ordenación das mulleres dentro da Igrexa Católica. A coordinación levouna un Comité Internacional formado por membros da WOW, quen planificou e organizou a Conferencia.Os medios de comunicación internacionais (India, Suíza, Reino unido, EEUU, Alemania, Portugal, etc…) deron conta do evento e foi de lamentar que non se difundira en España.

O lema “Agora é o tempo” (“Now is the Time”) acompañou os nosos traballos. Sen dúbida, os e as alí presentes e moitos dos que non puideron vir -aínda que si apoiaran con todo o seu ser a conferencia-, sabiamos de certo que viviamos unha hora histórica, algo no senso bíblico da “Hora”. Atrevémonos a falar do que Roma prohibira falar xa hai catro anos, a discutir unha cuestión presuntamente pechada de xeito definitivo(2) e que nos queren vender como declaración de fe de carácter infalible: “Declaro conforme á miña misión de confirmar ós meus irmáns (cf. Lc. 22,32), que a Igrexa non ten de ningunha maneira o poder de conferir a ordenación sacerdotal a mulleres e que esta postura debe ser considerada como definitiva por tódolos fieis da Igrexa”. Asinado: o Papa(3). En Dublín celebramos a chamada de Deus, que tamén chama a mulleres. Unha das organizadoras máis fervorosas, Soline Vatinel, chegaría a dicir: “Celebrar é verdadeiramente unha actividade revolucionaria. Xurde da alegría da resurrección de Cristo, unha alegría que ninguén nos pode quitar”. Por iso dicía que se trataba de renovar… Non podemos esquecer que Xesús deixou como testamento, no intre da súa morte inminente, precisamente a encomenda dunha celebración.

Foron catro intensos días de celebración que incluían relatorios, paneis (mesas redondas), oración e mais celebracións; tamén unha viaxe-xornada de oración o último día. Abríu a Conferencia Mairead Corrigan Maguire, Premio Nobel da Paz de Belfast, prendendo o cirio pascual que alumeou os nosas labores (un cirio que tiña forma de queixo de tetilla galego, ou sexa, unha teta, fronte ao símbolo fálico de sempre). Logo falounos Rosa Hudson-Wilkin, xamaicana, Vicaria da Igrexa de Inglaterra en Londres, aportando o seu valioso testemuño sobre o que pode supor que o cura sexa “ela e por riba sexa negra” (e teña, por exemplo, que enterrar a teu pai).

Joan Chittister interveu a pesar da prohibición expresa dos xefes de Roma e co apoio da superiora da súa congregación. Esta benedictina norteamericana é mundialmente coñecida pola súa contribución tanto teolóxica coma espiritual a estes temas. Ofreceunos o prato forte teolóxico desenvolvendo o tema do “discipulado”. Recibeu unhas 800 cartas despois da conferencia para agradecerlle o seu compromiso que ela centra na defensa da liberdade de expresión e de conciencia dentro da Igrexa, é mais que a defensa da ordenación sacerdotal das mulleres.

Tamén puidemos gozar da lucidez humana e eclesial de John Wijngaards comprometido hasta a médula e solidario: optou por deixar de exercer o seu sacerdocio para solidarizarse coas mulleres privadas del e vive entregado á súa colaboración con www.womenpriests.org (onde se pode atopar toda a información sobre o tema do sacerdocio feminino e en xeral). Aruna Gnanadason, do Consello Mundial das Igrexas tivo que retirarse como conferenciante principal da noite do venres cedendo á presión vaticana que ameazou con interpretar a súa presencia como unha ofensa ó recto ecumenismo (!), segundo nos informaron alí.

A coordinadora xeral de WOW, Myra Poole, monxa da congregación de Nosa Señora, tamén tiña prohibido asistir por parte do Vaticano, baixo pena de ser expulsada da súa orde. Custoulle moita oración e reflexión, como ela mesma nos contou; pero chegou ó Congreso o sábado animada polas aclamacións de todas e tódolos presentes. Ó día de hoxe non teño noticias de si se executou algunha represalia real a posteriori.

Tampouco sei o que se cumpriu das múltiples represalias posibles que agardaban moitos dos/das anónimos/as alí presentes que non puideron desvelar a súa identidade por mor do pan dos seus fillos (houbo unha testemuña abraiante dun pai de familia numerosa neste senso) o seu posto de traballo (profesores de relixión ou axentes de pastoral en países onde se remuneran estas labores laicais) ou a súa permanencia nunha orde relixiosa, o do seu equilibrio psicolóxico (para moitas persoas, aínda é duro “saír do armario”). Recordo a aquela monxa que contou entre bagoas como a botaran do seu convento pola súa opción… a incomprensión por parte da xente, compañeiros/as de congregación, amigos/as, curas, .. é unha constante que moitos referían. Quen escribe non queda atrás.

“Ai de vós que bautizades mulleres…

… Mais valera que non as bautizarades!”. Así proclamaban algunhas pancartas, adhesivos, etc. “Se non queredes mulleres curas, parade de bautizalas!”. Estas frases conteñen toda a eclesioloxía dos/as que defendemos o ministerio feminino. Non somos nada ambiguas/os: Amamos profundamente a nosa Igrexa pero, precisamente por iso, querémola defender dos que a usurpan e a desfiguran. Claramente: pretendemos renovala e estamos convencidos de que estas situacións inxustas (sumamos tamén o horror do celibato imposto, a segregación por opción sexual…) representan unha crise de crecemento: “El miedo a reconstruir la Iglesia, ésa es probablemente una cuestión de fondo. La crítica feminista no se limita a echar por tierra la asignación de roles en función del sexo, sino que a la larga lleva a la reestructuración de todo lo construído desde la perspectiva patriarcal”(4). A nosa sala de conferencias eran decenas de mesas redondas nun gran salón con estrado ó fondo e micro, pantalla xigante. Ocorréuseme que representaba a metáfora idonea para a Igrexa que podemos soñar: comunidades horizontais, nada de pirámides exipcias e xerarquías ó seu estilo. Algunha “orde” si había, colocaran uns letreiros para que nos xuntaramos por linguas a fin de facilitar o traballo en grupos e as traduccións. Na nosa mesa estaban: tres mulleres de FEM (Foro de estudios de la Mujer): unha Madrileña, unha aragonesa afincada en Madrid de “Mujeres y teología”e unha vasca e unha catalana de “Dones en Esglesia” (todas elas vencelladas a “mujeres y teología), sumándose quen escribe (galega de “Mulleres Cristiáns Galegas” afincada en A Coruña). Daba unha ecléctica visión de España, non do interese que esperta a cuestión neste país, e aglutinou de inmediato ás representantes brasileiras (unha colombiana e unha española afincadas no Brasil do movemento “Católicas polo dereito a decidir”) e un irmán dominico de México; tamén Frida (Elfriede Hart, colombiana-alemana afincada en París e coordinadora do Movemento mundial Somos Igrexa), estivo con nós. Foi un gozo ir recompoñendo o que primeiro lle chamaran “spanish” para ir aglutinándonos en “Iberia”, que corriximos ó vírsenos engadir as dúas amigas de Portugal, Ana e María João. Gozamos facendo nós mesmas as etiquetas.

Descubrindo o corpo feminino da Igrexa

Alí empecei a collerlle cariño ó adxectivo católico, que como se sabe significa “universal”. Pero entendín, por mor do ecumenismo que alí imperaba, que a nosa Igrexa católica apurouse demasiado en capitalizalo e logo desvirtualo. En ningún momento precisamos temoeiro nin xefe pensante ou decididor, (aínda que si unha traductora que nos axudou no que puido e que nomeamos “ibérica honoris causa”). Estes feitos anódinos amosaban a liberdade na acción espontánea, o xeito fraterno e libre de xuntarse e compartir o traballo, a escoita das experiencias, as dificultades (en especial por mor do sacrosanto inglés que non falaban co acento que eu aprendera na escola), os xantares e as ceas, o baile. Polos ollos de moitos pasou a visión da Igrexa recén estreada de Pentecoste, a realidade da presencia viva do Espírito. Nin tan sequera eramos so católicos, nin todas mulleres, nin vocacionados/as, nin estabamos de acordo en todo. Pero falamos o mesmo idioma común de discípulos/as de Xesús. Sendo libres podemos inventar espacios para a verdade e xuntarnos en paz arredor da mesa da Cea do Señor Xesús… sen medo… sen rancores.

A Igrexa que alí se fixo realidade, pensaba por unha vez cos dous hemisferios do cerebro, respiraba polos dous pulmóns, ¡amaba co corazón liberado das diferencias xenitais!. Como dixo Rosa Hudson no seu relatorio “en Xamaica…tomei conciencia da importancia dos sacramentos na vida da Igrexa. Ó mesmo tempo, tiña que escoitar que non se podía recibir os sacramentos porque non había varón (male; a elección da palabra é miña) para consagrar os elementos do sacramento”. Aquí está o miolo do problema e cómpre darlle o nome ás cousas, ser libre para facelo, para entendelas, para entendérmonos.

Repasaremos a continuación os argumentos principais e definitivos para que non se ordenen mulleres. Argumentos dependentes da anatomía xenital, no fondo, dende o principio da historia. María José Arana e María Salas citan a Hugucio do século XIII: “Las mujeres no reciben el carácter del orden por impedirlo el sexo y la constitución de la Iglesia, hecha por causa del sexo” (5), e engaden as autoras que a opinión era compartida por gran número de “canonistas” e “decretalistas”. Non é un chiste, trátase dunha frase do século XIII, hoxe non pasa…

A Igrexa que se perfilaba en Dublín non tiña 370 almas como parecía. Cada un/unha traía disimulado no corazón milleiros de irmás e irmáns invisibles, algúns defuntos, outros amargados, outros esperanzados, que non puideron viaxar. Quen vos fala levou a moita xente, entre outra a unha parroquia enteira da bisbarra de Ferrol.

Eu creo na comuñón dos santos. Estaban alí tódalas comunidades que agardan ás veces meses a que un varón da especie humana -de eses aos que si “lles deixan”- se digne lerlles e explicarlles un anaco de Evanxeo, bautizar os nenos ou perdoar os pecados, que alguén case a dous que se aman. Tamén estaba algunha de esas femias (da mesma especie) que cansaron de esperar e atenderon ó pobo no que puideron, sen ou con medo, sen ou con recoñecemento oficial, pero seguras de que honraban unha chamada real do seu Deus e socorrían unha necesidade non menos real.

Pero, señoras, ¿qué é o que pedides?

Isto é o que preguntan algúns amigos (nas xerarquías non adoitan preguntarnos pareceres). Non hai espacio aquí para describir as reaccións que vou coleccionando dende a miña propia “saída de armario”… Destaco unha das que mais se repite: equiparar a nosa demanda coa das mulleres que “queren ser militares”. O argumento coñecido de que “non son loitas feministas”. Esta afirmación, ás veces toma aparencias de auténtica agresión verbal.

– Non coñezo ningunha muller vocacionada para o presbiterado ou o diaconado que se valla do modelo de cura varón que impera hoxe na Igrexa católica. As resolucións finais da Conferencia e os relatorios (Joan Chittister, J. Wijngaards) reproducidas neste número, dan conta dunha vontade universal de “renovación”.

Precisamente, neste senso pedín persoalmente (petición asegundada por toda a miña mesa) que figurara nas devanditas Resolucións (como enmenda a unha delas) a expresa demanda de non apartar do sacerdocio a ninguén por causa de sexo, estado civil, ou orientación sexual. O resultado non foi unha enmenda senón a inclusión dese texto da mesma introducción que viña sendo a parte irrenunciable xa que non precisou de voto: ¡dábase por suposto!

– A actual configuración patriarcal e exclusivamente masculina do ministerio ordenado e a diaconía non descansa en ningún fundamento teolóxico nin bíblico sólido, senón nunha tradición que, como tal, pode ser contestada e desbotada. O proceso de reivindicación das mulleres non é só unha reivindicación feminista (algúns/as mesmo din que nin sequera o é), trátase do proceso dun pobo que le o Evanxeo e procura nel o que Deus quere realmente para o seu pobo, á escoita de Xesús e do Espírito para non perder de vista o servicio ós mais pobres (os datos da economía mundial apuntan a que a pobreza é una cuestión que hai que declinar en xénero feminino). Dáse unha curiosa contradicción para quen o negue: as mulleres si somos capaces de representar a Cristo xa que por sermos marxinadas e humilladas, somos tamén Cristos á súa imaxe(6) de Servo de Deus. Non fai falla ser muller nin feminista para entender isto, cristián e honesto si.

– Entristéceme ter que responderlles finalmente a esas compañeiras feministas que, en efecto, isto tamén é unha loita feminista, xa que o é toda aquela que pretende liberar as mulleres. Defendo que cada quen, sexa home ou muller, debe ter liberdade para escoller os camiños da súa vida, aínda cando outros pensen que se trabuca, ou realmente se trabuque. Tamén temos neste caso o sagrado dereito a equivocarnos, sen o cal non pode haber liberdade.

Das que nos xuntamos en grupo pequeño de mulleres vocacionadas (houbo un para o sacerdocio e outro para as que queren ser diaconizas),que ousaron ir á Conferencia, ningunha estaba nin amargada, nin resentida nin escumaba odio por ningures. Si puidemos sentir esperanza e gozo, ¡moito gozo! Tamén moito sufrimento, agardando tras as nosas caretas de tódolos días. Pero ó fin esperanza, ¡moita esperanza e amor! Esta é a mensaxe que traio de Dublín para Galicia e España, para os e as que entendan a miña linguaxe (a lingua non basta). Calcúlanse por centenares en España as mulleres que frustraron o seu desexo de servir no altar, de poñer tamén esa outra mesa e dar de comer ós famentos da palabra de Deus; darlles “pan e non pedras” (título dun coñecido libro de Elisabeth Schüsler Fiorenza). Están caladas e agachadas tras das súas caretas de casadas, nais de familia, solteiras, monxas (¡moitas monxas!), e moitísimas nais de curas que delegaron nos seus fillos a chamada do Señor…

A propia Igrexa anglicana, que ordena mulleres, tampouco está a respectar a súa dignidade na realización do seu papel (secundario moitas veces) ¡Elas tiveron que poñer o “clergy” nas súas camisas de flores para darse a respectar!

A xeito de conclusión, collerei de novo pola man á compañeira presidenta da República irlandesa, non gusto de andar soa: “Amo á miña nai e a miña nai ámame. Ningunha das dúas é perfecta e de cando en vez sentímonos obrigadas de denunciar a nosas imperfeccións coa esperanza de que a nosa relación sairá beneficiada”. O diálogo só acaba de empezar ¿Qué queremos facer coa nosa Igrexa? Qué “precisamos realmente”, -como diría Joan Chittister-, dos nosos servidores?

“Non quededes ahí mirando o ceo”, di o Mestre, hai moito por facer. E non o van facer os curas.

“Aquí estou Señor, para facer a túa vontade”.

Christina Moreira Agosto 2001


(1) Mary McAleese,nacida en Belfast, é a actual presidenta da República de Irlanda. Pronunciou un relatorio co título “Facer fronte a un Cristo que non quere mulleres curas como puidera querer que o Ulster fique británico”(1995) e que foi a sua réplica a Ordinatio Sacerdotalis (OS en adiante) (1994). Tomada de www.womenpriests.org/fr/teaching/mcalees2.asp e traducida do francés pola autora destas liñas

(2)Cf. X.P. II Ordinatio Sacerdotalis (22 de maio de 1994), carta apostólica sobre a ordenación sacerdotal exclusivamente reservada ós homes, e a declaración do Cardeal Ratzinger (1995) según a cal a discusión sobre a ordenación das mulleres está pechada (orixe, o sitio de Inertenet anteriormente citado)

(3) OS op. Cit.

(4) M. Carrizosa e Pilar Yuste, no seu traballo en El sacerdocio de la mujer, Cuadernos Verapaz nº 11.

(5) In M.J. Arana – M. Salas, “Mujeres sacerdotes ¿Por qué no?”Publicaciones claretianas, Madrid, 1994, 204 p.

(6) Mt 25, 31 ss. Citado do Cuaderno Verapaz op cit.

Escreva! Carregue aqui, se deseja apoiar a nossa campanha a favor da ordenação das mulheres. Credits for the music?